Rota dos Muíños

Escola Municipal de música

A Escola de Música de Meaño ten a súa orixe en 1980, cando o Concello de Meaño, rexido por D. Germán Rodiño, antigo músico da Banda de Música de Meaño, puxo en marcha unha “escola” dotada cun só profesor (primeiro D. Roberto Doce, e máis tarde D. Manuel Lores) para intentar refundar a Banda de Música de Meaño. En 1985 D. Manuel Lores, cos poucos medios que tiña, logrou formar unha pequena agrupación e a Banda de Música de Meaño volveu a sonar coma nos seus mellores tempos. Pouco a pouco foise mellorando contratando a novos profesores: un para a madeira e outro para o metal.

Pero o cambio máis significativo deuse no 1999 coa posta en marcha da nova Escola de Música. Primeiro o Concello acondicionou un local para o uso exclusivo da Escola, e contratáronse a novos profesores especializados para a impartición das clases de música.

Así, na actualidade, a Escola de Música ten 125 alumnos que asisten a clases de Música en Movemento, Solfexo, Frauta, Clarinete, Oboe, Saxofón, Trompeta, Trompa, Trombón, Bombardino, Tuba, Percusión, Piano, Guitarra, Fagot, Violonchelo e Gaita, todas impartidas por 15 profesores especializados.

Ademáis formouse unha agrupación, A Banda da Escola, formada por alumnos da Escola onde os máis pequenos aprenden a tocar en conxunto e ven o funcionamento dunha Banda de Música, xa que o principal obxetivo de esta Escola é formar ós novos membros da Banda Unión Musical de Meaño.

Durante o curso realizanse múltiples actividades: concertos didácticos nos colexios do Concello e da Comarca, diversos festivais coma por Santa Cecilia, polo Nadal,... saidas a outras escolas e auditorios, intercambios culturais, etc.

Na actualidade a Escola de Música está dirixida por D. Andrés Hay que a súa vez, tamén é o subdirector da Banda Unión Musical de Meaño. O presidente da Asociación Cultural Banda de Música de Meaño é D. Manuel Domínguez.