Situada na falda do Monte de San Cibrán, a 5,5 Km da capital do concello, as súas fértiles terras, bañadas polo Río da Fonte (tamén chamado Fofán) participan do monte e a chaira. En Cobas pódese disfrutar dunha magnífica paisaxe rural, sementado de pazos, casas de labranza, cruceiros, hórreos e antigos muiños de augua ó longo do pequeno río. Pola súa particular beleza e barroquismo destaca o cruceiro nas inmediacións do atrio da igrexa, templo que acolle no seu interior unha das imaxes máis veneradas do concello, a de San Bieito de Palermo (o Santo Negro). A súa festividade celébrase o martes despois de Pascua.
Antes de deixar Cobas non podemos faltar a unha cita coa paisaxe do Alto de San Cibrán, dende o seu miradoiro divisaremos toda a Ría de Arousa presidida na outra ribeira pola maxestuosidade das montañas do Barbanza. Nese alto, onde antes do s. XVII existía unha pequena ermita, celébrase tódolos anos a romaría de San Cibrán a finais do mes de maio.


